miércoles 30 de marzo de 2011

Recordos


Tarde esprendente de sol,

tarde apacibre e risoña,

ceio azul, paxaros, froles,

maina brisa, frescas sombras.

Á beira do Madalena

docemente branda soa

a música de cristal

das augas marmuradoras.

Cantan os merlos i os xílgaros

dos arboriños nas ponlas

i ó pé da ponte, lavando,

cantan tamén unhas mozas.

Moziñas da nosa vila

xalereiras, brincadoras,

amigas de parrafear,

que os rapaciños enchouchan.

A branca frol do biateiro

i as bermellas melincrocas

co ouro vello das xestas

fan contrastes que namoran.

Rico arume de cen prantas

trai a brisa xoguetona,

perfumes da primaveira,

de craveles e de rosas,

de xazmís, de margaridas,

de azucenas e mapolas.

Todo é lus e poesía;

todo canta e nos recorda

a xuventú buliceira

que aquí gozóu tantas horas

naqueles tempos felices

que se foron... e non tornan...

Aló enriba a nosa vila

entre o verdor das súas hortas

arrogante co castelo

á nosa vista se mostra.

As pradeiras frolecidas

son ós seus pés unha alfombra

con cenefiña de prata

que as augas do río bordan...

Nisra tarde precenteira

¡cantas dociñas mamorias

dos xogos da nosa infancia

e das gratas, ledas horas

que na festa da Ascensión

disfrutaba a xente toda!

Nistes Rairos lediciosos,

nistes Rairos ¡qué de troula!

¡Qué de cantos e de atruxos!

¡Qué de merendas rumbosas!

Os mantés sobor das herbas,

sobor dos mantés revoltas

empanadas e tortillas,

fontes con polos e troitas,

bos lacós da nosa terra,

pan de trigo e outras cousas

que eran regalo dos ollos

i eran regalo da boca;

e de viño as cuncas cheas

revertendo ó pé da bota.

E logo viña o ceguiño

co violín ou coa zanfona

i a rapaza co pandeiro

dándolle na mau cen voltas,

facendo bailar a xente

mentras con gracia e con sorna

por unhas cuantas cadelas

a todos botaba copras.

Inda me parece que estóu

nista tarde luminosa

preto da ponte escoitando

o doce canto das mozas,

naquelas festas enxebres,

vivindo outra vez as horas

de xuventú e de amores

que istes sitios me recordan

nista tarde prefumada,

nista tarde esprendorosa,

tarde fulxida que ofrece,

tarde apacibre e risoña,

ceio azul... páxaros.. froles...

maina brisa... frescas sombras.


Antonio García Hermida